PONTEPEQUES

PONTEPEQUES
BLOG DE AULA

xoves, 30 de abril de 2020

"¿FACEMOS UN MAIO?"

E por fin chegou o momento. Estamos no último día do mes de Abril. Mañá será o 1º de Maio. 
¿Quen se anima a facer o seu propio Maio na casa? 
Como o luns 4 é día non lectivo temos contando con hoxe 5 días para pensar, buscar materiais e elaboralo.
Non temos fiúncho, nin pampullos ou margaridas pero sempre podemos substituílos por outros materiais e ver que fermosas obras quedan. 
En primeiro lugar, precisamos buscar ou montar unha estrutura en forma de cono para a base (cartóns, cartolinas, pezas de xoguete…) 
- Temos que cubrilo con fiúncho, ¿que podemos utilizar para imitalo? (tiras de papel, fíos…) 
- O seguinte paso será facer colares de pampullos e margaridas ¿que se vos ocorre para as flores? 
- E xa por último podemos engadirlle laranxas e ovos ¿imitación ou reais? 
Cando o teñades non esquezades enviar a foto para que poidamos vela e cantar arredor del.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

" O NOSO MAIO 2019"

No curso pasado fixemos o noso propio Maio na clase, ¿recordades?
Foi un traballo conxunto cos nenos e nenas da profe Carmen. Traballamos en pequenos equipos e en grupos algo máis numerosos.
Colaboramos entre todas e todos para colocar o fiuncho, facer colares cos pampullos e margaridas, colgar as laranxas… e ao final gracias á colaboración de todas e todos obtivemos un fermoso resultado. Aquí tendes a mostra.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

mércores, 29 de abril de 2020

"¿FACEMOS COPLAS?"

E agora, ¿que vos parece se facemos unha copla para o Maio deste ano?. 
É certo que non podemos ir cantala na Praza da Ferrería, pero podemos cantala para as persoas que están con nós.
Aquí tendes, como modelo, a canción dos Maios máis coñecida. Foi escrita por Curros Enríquez e, máis tarde, Emilio Batallán púxolle música para poder disfrutar da versión que antes escoitamos.
Podedes elixir unha das estrofas para escribir e cantar, cambiarlle o final a algunha delas ou inventar a vosa propia.
Deseñar o voso Maio e debuxalo ao lado sería un remate perfecto.

"Ahí ven o Maio"

AHÍ  VEN  O  MAIO

DE  FRORES  CUBERTO

PUXERONSE  A  PORTA

CANTANDOME  OS   NENOS



OS  PUCHOS  FURADOS

PARA  MIN  EXTENDENDO

PEDIRONME   CROCAS

DOS  MEUS  CASTIÑEIROS



PASAI  RAPACIÑOS

CALADOS  E  CREDOS

QUE  O  QUE  É  POLO  DE  HOXE

QUE  DARVOS  NON  TEÑO



EU  SONVOS  O  PROBE:

O  POVO  GALEGO

PARA  MIN  NON  HAI  MAIO,

PRA  MIN  SEMPRE  É  INVERNO.


CANDO  EU   ME ATOPARE

DE  DONOS  LIBERTO

QUE  O  PAN  NON  MO QUITEN,

TRABUCOS  E  PRESTEMOS



QUE,  COMA   OS DO  ABADE,

FROREZAN  MEUS  EIDOS

CHEGADO  HABERÁ  ENTON

O  MAIO  QUE  EU  QUERO.



QUEREDES  CASTAÑAS

DOS  MEUS  CASTIÑEIROS

CANTADEME  UN  MAIO

SEN  BRUXAS  NIN  DEMOS



UN  MAIO  SEN   SEGAS,

USURAS  NIN    PREITOS.

NIN  FOROS   NIN  CREGOS
                              
                                Curros Enríquez

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"CANTANDO O MAIO"

Seguindo coa tradición dos Maios , aquí temos un pequeno vídeo onde podemos escoitar a nenas e nenos cantando na Ferrería. Cada ano son inventadas novas coplas para a ocasión, sempre con moito enxeño e relacionadas coa vida ao longo do ano.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

martes, 28 de abril de 2020

"LIM: OS MAIOS"

Despois do vídeo seguro que xa sabedes que esta semana imos falar da “Festa dos Maios”. 
É unha festa tradicional galega que se celebra todos os anos no 1º día dese mes. 
A forma do Maio e os materiais usados poden ser diferentes dependendo da zona. 
Na nosa cidade, en Pontevedra, pódense ver na Ferrería fermosos Maios e escoitar o canto das coplas feitas para a ocasión. 
¿Recordades que precisamos para facer un Maio? Temos que ter:
- Unha estrutura con forma de cono
- Fiúncho para a base
- Laranxas, ovos, pampullos e margaridas para a decoración
Pois aquí tendes unha actividade LIM na que podedes xogar con fotos do Maio, emparellar, buscar as palabras relacionadas e outras actividades para pasar un ratiño agradable.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"MAIO VAI CHEGANDO"

Abril xa vai rematando e o mes de Maio peta na porta. 
Nestes días podemos desfrutar xa dun ratiño ao aire libre, aínda que sempre mantendo as distancias coa xente que atopamos pola rúa. 
Os días son longos e como día a canción “Ahí ven o Maio”. Esperamos que vos guste.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"DÍA DA EDUCACIÓN FÍSICA NA CASA"

Hoxe, 28 de Abril, é o Día da Educación Física na casa, así que queremos deixarvos un pequeno vídeo con diferentes aportacións das familias ao longo deste confinamento. 
Fixádevos na cantidade de actividades que se puxeron en marcha.
Moitas grazas ás mestras Rosi, Ana e Natalia polas súas aportacións.
Recordade que no apartado de Psicomotricidade, na barra lateral en "Tempo na Casa", iremos engadindo as novas propostas que elas nos van achegando. Esperamos que as disfrutedes.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

luns, 27 de abril de 2020

"O MEU LIBRO"

Abril vai rematando e o noso libro tamén, así que, a proposta de hoxe consiste no seguinte: 

- Deseñar e engadir unha portada 
- Pensar e escribir nela un fermoso título 
- Engadir o voso nome como AUTOR-A E ILUSTRADOR-A 
 na contraportada 
- Paxinar o libro 
Deste xeito quedaría maquetado o noso libro e listo para lerllo a quen vos desexedes.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"TE QUIERO (CASI SIEMPRE)"

Seguimos no Mes do Libro e temos un novo conto feito, desta volta, pola profe Rebeca.
Ela animouse tamén a relatarnos unha fermosa historia, un conto que fala das emocións titulado:
“Te quiero (casi siempre)”
Unha linda versión. Moitas grazas por compartilo con nós Rebeca.
Agora imos disfrutar coa escoita.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

venres, 24 de abril de 2020

"AVENTURAS DOS SERES FANTÁSTICOS"

Onte dixemos que pensarades como se sentirían os nosos Seres Fantásticos pechados nas súas casiñas: 
¿Como se sentirán tantos días na casa? 
¿Que aventuras estarán vivindo? 
¿Que farán para resolver os seus problemas? 
Imaxinade pois e tentade facer unha pequena historia co voso Ser Fantástico como protagonista. Podedes debuxala nas seguintes páxinas do libro, cantas como vos decidades e se é posible, escribila en 2 ou 3 pequenas frases. 
Así remataremos o noso libro.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"A VIAXE DAS BOLBORETAS"

Para rematar a Semana do Libro imos presentarvos un conto feito por unha mestra de Ed. Infantil do noso cole e a súa filla.  A profe María e  Lucía déronlle vida ao vermiño, a formiga, a xoaniña e ao resto das personaxes do conto "A viaxe das Bolboretas". O resultado é ben, ben fermoso e aquí o compartimos con todas e todos vós.
Moitas Grazas as dúas. Imos disfrutalo moooooooito.

E despois deste fermoso conto, deixamos unha recomendación para este finde... "Ir  ao Teatro".
Os amigos de Abonoteatro subiron as obras completas do seu catálogo. Si vos apetece podedes velas no seguinte enlace:
https://compras.abonoteatro.com/yomequedoencasa/
En concreto para @s peques da casa están as seguintes:
"La rebelión de los cuentos"
https://compras.abonoteatro.com/?pagename=espectaculo&eventid=2004
"Pedro y el lobo" - Ballet Infantil
https://compras.abonoteatro.com/?pagename=espectaculo&eventid=1971

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

xoves, 23 de abril de 2020

"DÍA DO LIBRO 2020"

Nas últimas semanas Piquín andaba un pouco triste pero… ao recibir tantas fotos recuperou toda a súa enerxía e xa está desexando que pronto poidamos compartir novas sesións de contos con el.
Hoxe xa é 23 de Abril, chegou o gran día para el, o “Día do Libro”. E por iso, ten preparado un agasallo moi especial para todas e todos nós na súa páxina. 
Así que clicade na súa imaxe e veredes o que andivo argallando.

Ademais quere recordarvos que ten unha chea de recursos relacionados cos Seres Fantásticos recollidos no apartado "Os nosos Proxectos" de Bibliopiquín.
Se queredes chegar a eles e botarlles unha nova ollada clicade no seguinte enlace:
"Un Mundo de Fantasía"

E xa para rematar, despois de ver o que PIQUÍN nos tiña preparado imos escoitar e bailar a canción “O Libro Máxico” de Migallas.
Está dedicada a todos os libros que nos fan viaxar coa axuda da imaxinación.


E imaxinando, imaxinando… pensade como se sentirán os vosos Seres Fantásticos sen poder saír da súa casiña e que aventuras estarán vivindo.
Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

mércores, 22 de abril de 2020

"O SEU FOGAR"

E ao igual que Carabuñas ten a súa casiña, os nosos Seres Fantásticos precisan dunha para vivir. 
Imos pensar que cousas temos na casa para construír un fermoso fogar para cada un dos nosos seres. Podemos utilizar todo tipo de materiais. 
Cando rematemos a nosa obra podemos facerlle unha foto, imprimila e pegala no noso libro ou ben tentar debuxala. Tamén podemos deixar a páxina preparada para imprimir e pegar noutro momento. 
¡¡Mans a obra!! Hoxe seremos construtores.
Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"CARABUÑAS"

E o conto deste día titúlase “Carabuñas”. 
Carabuñas é un bruxo un tanto peculiar que pola noite sae buscar cativos para encher a súa despensa… pero é realmente tan temible como quere aparentar?? 
Este conto foi escrito por Margarita del Mazo e ilustrado por Charlotte Pardi e a montaxe do vídeo que ides escoitar elaborada por alumnado e profesorado do CEIP Coirón-Dena.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

martes, 21 de abril de 2020

"CHÁMASE"

E como xa temos cadaquén o seu Ser Fantástico favorito agora temos que buscarlle un nome, porque, a todas e todos nos gusta que nos chamen polo noso. Pois o voso Ser Fantástico tamén precisa saber quen é.
Polo tanto, imos pensalo moito, moito… e cando atopemos o nome perfecto, imos poñelo na seguinte páxina do noso libro en letras ben grandotas e dobres e decoralo como sabemos facelo.
PIQUÍN vai estar encantado de ter novos personaxes fantásticos para facerlle compañía.
Moito ánimo!!!

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"O GRÚFALO"

Cada día un conto, un conto do Mundo de Fantasía que rodea ao noso benquerido PIQUÍN.
Así que, hoxe imos comezar coa historia dun ser que vive na fraga: “O Grúfalo”. Este conto foi escrito por Julia Donaldson para nenas e nenos coma vós.
É un dos preferidos de PIQUÍN e espero que o desfrutedes tanto coma el.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

luns, 20 de abril de 2020

"SER FANTÁSTICO FAVORITO"

E falando de monstros… esta semana seguiremos co noso libro pensando cal é o Ser Fantástico favorito de cada un e cada unha. Na clase elixiramos 3 principais para facer os equipos:
- Unicornios
- Trasnos
- Espíritos do Bosque
Pero hoxe imos buscar un ser fantástico diferente, imaxinamos como nos gustaría que fose e debuxámolo no libro. 

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"ONDE VIVEN OS MONSTROS"

Imos empezar esta semana cun conto coñecido que a Piquín lle gusta moito:
 "Onde viven os mosntros" 
Nel fala dun neno chamado Max. Unha noite, despois dunha trasnada, Max inicia unha longa viaxe na que correra grandes aventuras, pero... 
Cal será o destino de Max?? Compartide a súa viaxe para descubrilo e disfrutade xunto a el.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

venres, 17 de abril de 2020

"NO MEU CORAZÓN"

Hoxe é venres, está chegando a “Fin de Semana”, e imos encher unha nova páxina do noso libro dun xeito moi especial.
Despois de escoitar a canción de María  Fumaça e bailar con ela  seguro que xa sabedes como segue a nosa historia.
Temos xa moitos datos sobre nós, pero fáltanos un moi, moi relevante… quen é importante para nós, ¿a quen levamos nos nosos corazóns? Esa é a nova proposta.
Imos representalos utilizando figuras como flores, corazóns..., elixindo a que máis nos guste. Farémolo con debuxo ou collage.
Aquí tendes unhas cantas ideas:
- Un campo de flores
- Unha galaxia de estrelas
- Unha árbore con follas / flores / froitas
- Un mundo de corazóns
Segundo o modelo elixido, faremos unha flor / estrela / folla da árbore / corazón… por cada un dos seres importantes para nós e dentro de cada debuxo ou ao lado escribiremos o seu nome.
Podemos inventarnos outras formas de representalos. Decidide vós.


Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"EU TEÑO ALGUÉN NO MEU CORAZÓN"

Para rematar a semana, temos unha canción moi fermosa do grupo María Fumaça titulada “Eu teño alguén no meu corazón”. 
Imos dedicarlla a todas aquelas persoas que todas nós levamos nos nosos corazóns, estean cerca ou lonxe, pero que vaiamos onde vaiamos seguen estando.   


Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

xoves, 16 de abril de 2020

"NÚMEROS NO CORPO"


Unha vez rematado o baile toca pensar.                                                                                                
Ímonos sentar, pechar os ollos e pensar no noso corpo e nos números que podemos atopar nel. Recorrede coa mente as diferentes partes do corpo e cando teñades as ideas ben clariñas collede o voso libro e imos a pola páxina 3.
Veremos cantos números se vos ocorren que teñan que ver con vós… pensade coa axuda dalgún adulto en cantidades, medidas... Podedes simplemente escribir os datos co nome e número ou… debuxar e poñer o número correspondente.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"O ESQUELETO"

Estamos a mércores, no medio da semana, arriba todo o mundo que imos mover o esqueleto. 
Toca bailar e cantar para espertar ben o noso corpo con Migallas e a súa canción “O Esqueleto”. 
Nesta ocasión son os nenos e nenas do CEIP A.D.R. Castelao de Ordes os que nos invitan a facelo, animade tamén aos que tendes ao redor. 

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

mércores, 15 de abril de 2020

"ONDE VIVIMOS"

E despois de escoitar o conto imos continuar co noso libro falando de “Onde vivimos”. 
Ao igual que a Mosca Chosca, cada un e cada unha de nós ten a súa casiña, así que imos preguntar a alguén da nosa familia cal é o noso enderezo e imos escribilo. 
Logo teremos que debuxar a casa na que vivimos. 
E antes de rematar temos que anotar outro dato importante: os números de teléfono da nosa casa.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"A CASA DA MOSCA CHOSCA"

Hoxe toca divertirnos un ratiño co conto “A casa da Mosca Chosca”. Trátase dun conto popular ruso adaptado por Eva Mejuto e ilustrado por Sergio Mora. Esperamos que vos guste.



Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

martes, 14 de abril de 2020

"O MEU LIBRO"


Neste mes de abril, como sabedes, estamos no Mes do Libro. 
E por iso, esta semana, queremos arrancar cunha proposta moi especial:
"Que cada un e cada unha de nós faga o seu propio libro". 
Cada día iremos enchendo unha páxina e completando a nosa historia.
O primeiro que precisamos é coller 12 follas, colocalas en sentido horizontal e pegalas, grapalas, unilas…por un lateral, de xeito que teñamos o noso libro preparado para ir enchendo pouquiño a pouco. 
E agora a pola primeira páxina. Nesta temos que presentarnos, así que escribimos:
- Nome, 
- Apelidos
- Idade 
E nos debuxamos.
Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"RA DE BOCA GRANDE"

Xa remataron as vacacións de Pascua e para poñernos de novo en marcha imos comezar cun conto, “Ra da Boca Grande”. Historia compartida por NOGA, (Narración Oral Galega),seguindo coa súa iniciativa “Pandemia de Contos”.  Hoxe, cunha contadora que temos moi, moi preto… Andrea Bayer. Desfrutádeo.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

mércores, 8 de abril de 2020

"FACENDO FLORES"

E como estamos en primavera non podían faltar as flores, flores de papel, de tea... de todo canto tiñamos pola casa. Con moito traballo, moita imaxinación e o esforzo de todas e todos.
Así de fermosas quedaron

Nenas e nenos de Ed.Infantil 6ºB

"COLLAGE PRIMAVERA"

A primavera chegou e nós fixemos uns fermosos collages para darlle a benvida. Aquí tendes o resultado do noso traballo.






Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"GRAZAS"

Aquí tendes a nosa pequena homenaxe a todas as persoas que coidan de nós, as que están ao lado, as que temos máis lonxe, as que vemos e as que non se ven e a todas aquelas que cada día quedan con nós na casa. 




Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB
E tamén para todas e todos vós, que estades sen poder saír, que permanecedes en casa realizando un grandísimo esforzo e que moitas veces as persoas adultas esquecemos que tamén sodes heroes e heroínas nesta historia.

martes, 7 de abril de 2020

"A LOBIÑA BEA"

Aínda que esteamos de vacacións, sempre hai tempo para un contiño e hoxe temos un moi especial que nos trae Pandemia de contos (colectivo NOGA: narración oral galega)
O contador chámase Brais Moure e a súa historia titúlase: "A Lobiña Bea". Disfrutádeo.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

sábado, 4 de abril de 2020

"FELICIDADES ELBA"

Elba, hoxe é o teu gran día. ¡¡¡MOITAS FELICIDADES!!! Xa tes 6 ANOS...
E tamén Felicidades a mamá e papá, porque hoxe fai 6 anos que chegaches ás súas vidas e que viron por primeira vez o teu sorriso. 
Este ano o teu cumple celebrámolo dun xeito diferente no cole, pero non por eso menos especial e por suposto, os teus amigos e amigas de clase teñen un agasallo para ti. 
Fixeron estes fermosos debuxos con todo o seu cariño. 
Sabemos que che gustarán moooooooitooooo. Grazas por permitirnos compartilo contigo.
E así e como queremos cantarche deste xeito especial... aínda que sexa Virtual!!!

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

venres, 3 de abril de 2020

"EXPERIMENTO: PINTURAS CASEIRAS"

E xa, casi, casi, entrando nas vacacións, imos propoñervos un experimento que podedes facer na casa con materiais que seguro todas e todos tendes na cociña.
Pero, desta volta, non se trata de ningunha receita, imos facer "Pinturas Caseiras".
Pinturas que logo podemos utilizar para facer fermosas obras con distintas técnicas: pintado con pincel, co dedo, esponxa, corcho, ou calquera outro material que se vos pase pola cabeza.
Os ingredientes para a base da pintura son os seguintes:
- Sal
- Fariña
- Auga
A mesma cantidade de cada cousa... empezade por pouca e logo se precisades sempre podedes fabricar máis.
Xa temos a pintura blanca, pero... como lle damos color??? Moi sinxelo, con "Colorantes Alimenticios". Seguro que na casa podemos atopar: azafrán, pimentón, café, pirixel... calquera substancia que poidamos mesturar. Tamén podemos utilizar colorantes líquidos como aparece no vídeo que tendes abaixo, aínda que a textura será diferente.
Así que, mans á masa e a traballar.
Aquí tendes un vídeo onde explica paso a paso como facelo. Neste caso, como xa dixemos,  engade as cores utilizando colorantes líquidos, pero podemos utlizar calquera outro.


Tendes todas as vacacións para probar diferentes combinacións. 
Como suxestión probade con ralladura de laranxa, limón...machacando diferentes mondas e follas de froitas e verduras, veredes que cores máis intensas podedes conseguir.
E antes de que empezedes as vacacións, decirvos que na barra lateral do blog, arriba, no apartado "Tempo na Casa", tendes varias actividades de Psicomotricidade e Informática organizadas polas mestras de Apoio de Ed. Infantil, moi aproveitables para estas datas.
Boas Vacacións a todas e todos e ata pronto.
Nenas e nenos de Ed. Infanil 6ºB

"HISTORIA DE UN ABRAZO"

Como chegan as vacacións de Semana Santa e temos que decirnos ata pronto de xeito virtual... aquí tendes un conto especial. Unha historia que coñecemos e vimos moitas veces, pero que nos gusta moito pola súa tenrura.
Para abrazar aos que tendes cerca fisicamente e aos que están ao outro lado da pantalla.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

xoves, 2 de abril de 2020

"ABRIL, MES DO LIBRO"

2 de Abril de 2020, como todos os anos nesta data, hoxe celébrase o “Día do Libro Infantil”. 
Estamos a xoves, case chegando ao remate da semana, pero...
PIQUÍN non esquece as datas importantes, así que, ten unha proposta especial para nós. Quere facer unha homenaxe especial ao LIBRO... e precisa da nosa axuda. Mirade a súa proposta.
Clicade na imaxe e chegaredes axiña.

Espero que disfrutedes cos contos e cancións que nos propón para este día e que atopedes esa Historia Fantástica que tanto vos gusta. Agardo as vosas fotos para a exposición.
Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"DÍAS DA SEMANA"

Nas portas dunhas vacacións de Pascua un tanto diferentes é importante non perder de vista o paso de cada día e cada semana. E para axudarnos nesta tarefa imos repasar cantando os “Días da Semana” cunha canción de Mamá Cabra.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

mércores, 1 de abril de 2020

"ABRIL"

Hoxe comeza o mes de Abril, así que precisamos unha nova folla de calendario. E… desta volta, cadaquén vai elaborar o seu modelo.
Aquí tendes un exemplo para seguir. Iremos paso a paso:
- Escribir o nome deste mes, ABRIL, arriba na folla e marcar 1 liña horizontal por debaixo
- Dividir o espazo que queda en 7 partes trazando liñas verticais
- Trazar liñas horizontais para facer os cadros. Contade cantas filas precisades.
- Escribir os días da semana na primeira fila
E xa temos o noso calendario preparado para marcar o paso do tempo en abril.
Si vos apetece podedes decoralo.

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB

"OS MESES DO ANO"

Estamos a mércores, 1º Día do mes de Abril, e imos comezalo cantando a canción dos meses do ano. 
Esta canción é do grupo Pirilampo, estou segura de que vos vai gustar. Fixádevos que coas súas mans tamén cantan, utilizando a linguaxe de signos. Disfrutádea. 

Nenas e nenos de Ed. Infantil 6ºB